Dialéctica
método de argumentación para a resolución de discrepancias / From Wikipedia, the free encyclopedia
A dialéctica[1] --do grego διαλεκτική (dialektik?), τέχνη (tékhnē), literalmente: técnica da conversación; con igual significado, en latín (ars) dialectica—é unha rama da filosofía cuxo ámbito e alcance variou significativamente ao longo da historia.
Orixinariamente designaba un método de conversación ou argumentación análogo ao que actualmente se chama lóxica. No século XVIII o termo adquiriu un novo significado: a teoría dos contrapostos nas cousas ou nos conceptos, así como a detección e superación destes contrapostos. De maneira máis esquemática pode definirse a dialéctica como o discurso no que se contrapón unha determinada concepción ou tradición, entendida como tese, e a mostra dos problemas e contradicións, entendida como antítese. Desta confrontación xorde, nun terceiro momento chamado síntese, unha resolución ou unha nova comprensión do problema. Este esquema xeral pode concretarse como a contraposición entre concepto e cousa na teoría do coñecemento, á contraposición entre os diferentes participantes nunha discusión e as contraposicións reais na natureza ou na sociedade, entre outras.
O termo adquire un significado non circunscrito ao ámbito da retórica grazas, fundamentalmente, aos escritos do filósofo alemán G.W.F. Hegel. Na época en que escribe unha das súas grandes obras (Fenomenoloxía do espírito, 1808) o mundo parece poñerse en movemento, transformando de forma visible o que durara séculos. Trátase dos primeiros momentos do modo de produción capitalista que, a diferenza dos anteriores, baséase primordialmente na circulación das mercadorías e do diñeiro. Entón o vello problema filosófico do cambio agudízase: como entender racionalmente que unha cousa poida cambiar de aparencia e seguir sendo a mesma cousa? Hegel concibe a realidade como formada por opostos que, no conflito inevitable que xorde, procrean novos conceptos que, en contacto coa realidade, entran en contraposición sempre con algo. Este esquema é o que permite explicar o cambio mantendo a identidade de cada elemento, a pesar de que o conxunto cambiase.
Co mesmo proceder Karl Marx analizará a realidade social e, claramente nos seus escritos a partir de 1842, entenderaa como unha realidade conflitiva debido á contraposición de intereses materiais incompatibles. Así dirá, no Manifesto comunista (1848), que "toda a historia da humanidade ata agora é a historia da loita de clases"; isto é: a confrontación entre clases sociais é o motor do cambio histórico.
No século XX o filósofo alemán Theodor Adorno titulará Negative Dialektik (Dialéctica negativa) (1966) unha das súas obras capitais. Esta obra iníciase cunha afirmación provocativa: "A formulación dialéctica negativa atenta contra a tradición". Refírese Adorno a que na dialéctica de Platón ou na de Hegel o resultado do movemento de contraposición é a afirmación de algo, mentres que o que el pretende é subliñar o carácter inconcluso de calquera momento do movemento de contraposición, tanto a nivel social como cultural.