Cancro de pulmón
conxunto de enfermidades resultantes do crecemento maligno de células do tracto respiratorio / From Wikipedia, the free encyclopedia
O cancro de pulmón é un conxunto de enfermidades resultantes do crecemento maligno de células do tracto respiratorio, en particular do tecido pulmonar, é un dos tipos de cancro máis frecuentes a nivel mundial.[1] O cancro de pulmón adoita orixinarse a partir de células epiteliais, e pode derivar en metástase e infiltración a outros tecidos do corpo. Exclúese do cancro de pulmón aquelas neoplasias que fan metástase no pulmón provenientes de tumores doutras partes do corpo. [2] Os síntomas máis frecuentes adoitan ser dificultade respiratoria, tose —incluíndo tose sanguinolenta— e perda de peso,[3] así como dor torácica, rouqueira e inchazón no pescozo e a cara.
Cancro de pulmón | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Radiografía na que se amosa un tumor no pulmón (sinalado cunha frecha vermella). | |
ICD-10 | C33-C34 |
ICD-9 | 162 |
MedlinePlus | 007194 |
MeSH | D002283 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
O cancro de pulmón é clasificado en dous tipos principais en función do tamaño e aparencia das células malignas: o cancro pulmonar de células pequenas (microcítico) e o de células non pequenas (non microcítico). Esta distinción condiciona o tratamento e así, mentres o primeiro polo xeral é tratado con quimioterapia e radiación, o segundo tende a selo ademais mediante cirurxía,[4] láser[5] e, en casos selectos, terapia fotodinámica.[6]
A causa máis común de cancro de pulmón é o tabaquismo,[7] sendo o 95% de pacientes con cancro de pulmón fumadores e ex-fumadores. Nas persoas non-fumadoras, a aparición do cancro de pulmón é resultado dunha combinación de factores xenéticos,[8][9] exposición ao gas radon, asbesto, e contaminación atmosférica,[10][11][12] incluíndo fume secundario (fumadores pasivos).[13][14]
A diagnose temperá do cancro de pulmón é a principal condicionante para o éxito no seu tratamento. En estadíos temperáns, o cancro de pulmón pode, en ao redor do 25% dos casos,[15] ser tratado mediante resección cirúrxica con éxito de curación.[16] Con todo, debido á súa virulencia e á dificultade para a súa detección precoz, na maioría dos casos de diagnose onde xa ocorre metástase; o cancro de pulmón presenta, xunto co cancro de fígado, páncreas e esófago, os prognósticos peores, cunha esperanza de vida media de aproximadamente 8 meses.
O cancro de pulmón é unha das enfermidadees máis graves e un dos cancros con maior incidencia no ser humano, responsable dos maiores índices de mortalidade oncolóxica a escala mundial.[17] É a primeira causa de mortalidade por cancro no home e a terceira, despois do de colon e mama, na muller,[18][19] causando máis dun millón de mortes cada ano no mundo.[20] No Reino Unido (2004) e nos Estados Unidos (2006) representa a primeira causa de morte por cancro en mulleres e homes. En España son diagnosticados anualmente uns 20.000 casos, o que representa o 18,4% dos tumores entre os homes (18.000 casos) e o 3,2% entre as mulleres (2.000 casos).[21] A pesar da dificultade para atopar estatísticas consistentes entre os diferentes países de Iberoamérica e o Caribe, a supervivencia global ha ir aumentando,[21] especialmente en pacientes en tratamento regular con quimioterapia.[22]