Cambio antixénico
From Wikipedia, the free encyclopedia
O cambio antixénico é o proceso por medio do cal dúas ou máis cepas dun mesmo virus ou cepas de dous ou máis virus diferentes se combinan para formar un novo subtipo que ten unha mestura de antíxenos de superficie das cepas orixinais implicadas. O termo adoita aplicarse correntemente ao virus da gripe, xa que é o exemplo mellor coñecido, mais o proceso tamén se sabe que ocorre noutros virus, como o virus visna das ovellas.[1] O cambio antixénico é un caso específico de redistribución, rearranxo ou cambio viral que confire un cambio fenotípico.
O cambio antixénico contrasta coa deriva antixénica, que é a mutación natural que sofren co tempo cepas coñecidas de virus como o da gripe, que pode conducir a unha perda de inmunidade ou a unha inadecuación das vacinas. Na deriva antixénica só intervén unha cepa do virus. A deriva antixénica ocorre en todos os tipos de virus da gripe, como os causantes da gripe A, gripe B e C. Porén, o cambio antixénico ocorre só na gripe A porque este non só infecta humanos, senón tamén outras especies.[2] As especies afectadas inclúen tanto outros mamíferos coma aves, o que lle dá ao virus da gripe A a oportunidade de realizar unha reorganización importante dos seus antíxenos de superficie. Os virus da gripe B e C afectan principalmente a humanos, o que minimiza a posibilidade de que se produza unha redistribución xenética que cambie o seu fenotipo drasticamente.[3]
Na década de 1940 Maurice Hilleman descubriu o cambio antixénico, que é importante para a aparición de novos patóxenos virais, xa que é a vía que os virus seguen para ocupar un novo nicho e espallar a súa infectividade.[4][5]