82ª edición dos Óscar
From Wikipedia, the free encyclopedia
A 82ª edición dos Óscar, presentada pola Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas (AMPAS), galardoou os mellores filmes de 2009 e celebrouse o 7 de marzo de 2010 no Teatro Kodak en Hollywood, Os Ánxeles. A cerimonia celebrouse bastante despois das datas acostumadas de febreiro para evitar conflitos cos Xogos Olímpicos de Vancouver 2010.[1] Durante a cerimonia, Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas presentou os Premios da Academia (comunmente coñecidos como Oscars) en 24 categorías. A cerimonia foi televisada nos Estados Unidos pola ABC. Os actores Alec Baldwin e Steve Martin presentaron o espectáculo. Martin presentou por terceira, pois xa o fixera na 73ª edición e na 75ª, mentres que Baldwin presentou por vez primeira. Esta foi a primeira en ter transmisión televisiva con múltiples presentadores dende a 59ª edición[2]
O 24 de xuño de 2009, o presidente da Academia Sid Ganis anunciou nunha conferencia de prensa que, coa finalidade de revitalizar os premios, a cerimonia de 2010 tería dez nomeados ó Mellor filme no canto de cinco,[3] unha práctica que desapareceu despois da 16ª edición (celebrada en 1944). O 20 de febreiro de 2010, nunha cerimonia no Beverly Wilshire Hotel en Beverly Hills, os Óscar á técnica foron presentados por Elizabeth Banks.[4]
En terra hostil gañou seis premios, incluído Mellor filme e Mellor director para Kathryn Bigelow, a primeira muller en gañar o Oscar ó mellor director.[5] Outros gañadores foron Avatar con tres galardóns, Crazy Heart, Precious e Up, con dous premios. The Cove, Inglourious Basterds, Un soño posible, Logorama, Music by Prudence, The New Tenants, El secreto de sus ojos, Star Trek e The Young Victoria gañaron cadanseu premio. O evento tivo preto de 42 millóns de espectadores (en Norte América), sendo a audiencia máis alta dende a 77ª edición dos Óscar no 2005.